Educar en feminismo para construir un mundo novo

Educar en feminismo para construir un mundo novo

8 de marzo, Día da Muller Traballadora. Veremos a Partidos, medios de comunicación e institucións facer bandeira da suposta igualdade que disfrutamos gracias ao modelo social no que vivimos. Pero sabemos que isto non é máis que unha mera maquillaxe institucional. Para as voces dominantes vivimos en sociedades libres de machismos, sendo este algo propio de países non desenvolvidos.

Presumen de que o machismo está por fin extinto, que o que vemos son casos illados. Non obstante, nós non imos a deixar que caia no esquecemento o feito de que fomos e seguimos a ser invisibilizadas na historia, no espacio público. Que nos arrebatan unha e outra vez o dereito a decidir sobre o noso corpo. Que seguimos cobrando menos polo mesmo choio que realiza un home. Que nos vemos obrigadas a compaxinar o traballo asalariado co doméstico e de coidados. Que seguimos a ser cosificadas. Que nos violan, que nos matan.

O patriarcado encargouse de deixalo todo ben tecido: aprendimos desde pequenas cal era o noso papel dentro deste sistema binario de xéneros, que se aplica de maneira ríxida e violenta para que cada persoa cumpla co agardado.

O machismo non está presente unicamente no mundo laboral e a vida adulta, tamén o está, e debe ser combativo, na nenez e a educación. Preséntasenos sempre a escola como garante da igualdade, cando é un dos primeiros lugares nos que se nos comezan a impor os roles de xénero que de forma máis sutil ou máis explícita son sempre patriarcais. Así imos avanzando, subindo niveis no sistema educativo no que grazas á LOMCE, a Igrexa, institución patriarcal por antonomasia, ten cada vez máis influencia e que segue permitindo a segregación por sexos nas escolas.

Tampouco faltan os casos de acoso sexual, por parte de aqueles (alumnos ou profesores) que cren que polo feito de ser mulleres poden opinar, xulgar ou incluso dispor do noso corpo como lles de a gaña. Non hai programas nin protocolos para facerlles fronte, e moito menos para previlos. Algo parecido ocorre coa practicamente nula educación sexual que se nos ofrece: un par de charlas dunha hora nas que no mellor dos casos ensinaranche a poñer un condón, pero nas que rara vez che falarán de consentimento.

Outro aspecto da sociedade patriarcal que vemos plasmado na educación é a división sexual de estudos como reflexo da división sexual do traballo. Así, aínda que a elección da carreira universitaria é persoal, levamos encima anos de condicionamento que nos inclinan cara a unhas carreiras relacionadas cos coidados e que desembocan en traballos similares ás tarefas do fogar, aínda que fóra del, moi a miúdo peor pagos que os “traballos de homes” ou con maior taxa de desemprego.

Sumando todo o anterior, o paso dunha muller polo sistema educativo parécese máis a un campo minado que a un camiño de rosas. E aínda por riba, coas últimas reformas educativas (LOMCE, 3+2…) estamos xa sufrindo unha precarización e un encarecemento dos estudos que como sempre repercute con maior forza nos colectivos máis vulnerables, como somos as mulleres, as persoas migrantes, as persoas trans, etc.

Pero non nos conformamos, e se estamos dobremente oprimidas seremos dobremente rebeldes. Desde FEL seguiremos loitando contra o machismo e seguiremos desmontando o patriarcado e calquera outra opresión, dentro e fóra das aulas; co exemplo de tantas outras mulleres, de tantas outras feministas, recuperaremos o que séculos de patriarcado nosquitaron.

Por unha educación feminista e libre nunha sociedade sen clases nin patriarcado!
Viva o 8 de marzo e a loita feminista!

Comparte