[8M Folga Feminista ] Machismo cotián nas aulas

Català, Castellano, Euskera

Un profesor daba as clases moi axiña e non pasaba apuntamentos, así que tiñamos que copiar o que puxa no PowerPoint e o que ía dicindo pero non nos daba tempo. Unha compañeira díxolle que non podiamos facer todo á vez e el contestoulle: “pero as mulleres non dicides que podedes facer máis dunha cousa ó tempo?”. Dixémoslle que era machista e a súa resposta foi: “eu non son nada machista, era unha broma”.

Escoitado por unha compañeira

 

Un profesor de Química estaba explicando as solucións tampón pero utilizando o nome en inglés “buffer”. Explicounos entre risas sen que ninguén lle preguntara nada que “odiaba utilizar a palabra tampón, que era moi fea por razóns evidentes” e que ademais prefería evitala porque se dicía esa palabra “iámonos volver tolas porque nós volvémonos tolas con calquera cousa”.

Nunha clase exclusivamente de mulleres.

 

En clase de Dereito Penal o profesor expón o un caso dunha parella hetero que discutiu. Ela vai ó piso de el pola noite para falar con el. El enfádase e cóllea do pescozo contra o banco da cociña. Ela crávalle un coitelo de pelar patacas (o primeiro que pilla e que pode alcanzar) e perfóralle un pulmón. El sobrevive. A ela quedáronlle marcas no pescozo pola forza que el exerceu. Houbo comentarios como: “non é defensa propia porque podía terlle cravado o coitelo noutro sitio ou simplemente empurralo, ademais hai provocación por parte dela porque para que vai á casa del despois de discutir”, sendo a falta de provocación un elemento para poder alegar lexítima defensa. Eu intentei reconstruír a escena para ver a marxe de manobra que tiña a moza para cravarlle o coitelo noutra zona do corpo menos perigosa: ningún.

En clase dunha compañeira de Criminoloxía.

“O feito de que as mulleres sexan máis emocionais que os homes non é cultural, é absolutamente biolóxico”

Profesor de Bioloxía

 

“Bueno mozos, xa sabemos que vos gustaría que algunha o usase con vós”

Profesor de Psicoloxía falando da burundanga.

 

“Sabedes para que utilizan Escopolamina sobre os mozos? Non é para violalos, aínda que algúns dirán: oxalá”

Profesor de terceiro de Bioloxía.

 

Nun libro de Psicoloxía da personalidade, no capítulo de xénero había un apartado sobre machismo, de apenas unha cara. Nel, entre outras perliñas, comentaba que era “unha constelación de personalidade de poboacións hispanas”, co sesgo racista que isto implica. Ademais de non facer mención en ningún momento ó sistema patriarcal, terminaba asegurando que “por sorte, vanse desenrolando novos modelos e teorías que teñen en conta os aspectos tanto positivos como negativos do machismo”.

Visto por un compañeiro home.

 

“Os celos son unha característica biolóxica dos homes. Temos máis sentido da territorialidade”

Profesor de Bioloxía

 

“Non temos o mesmo impulso sexual, é bastante maior nos machos que nas femias de mamíferos. Isto e moitos sitios non se pode dicir, non sei se me entendedes”

Profesor de terceiro de Bioloxía

 

“Todos os –ismos son malos, incluso o feminismo”

Profesor de Psicoloxía.

 

“A vós gústanvos mozos que vos fagan rir e a nús gústannos mozas que rían das nosas gracias. “

Profesor de terceiro de Bioloxía

 

Un profesor de Histoloxía estaba falando do desenvolvemento das crías de certa especie e dixo: “algún día todas o veredes porque todas seredes nais de non ser que vos dediquedes ó convento”

Escoitado nunha clase de só mozas.

 

“As mulleres son parasitos”

Comentario dun estudante home na clase de Parasitoloxía.

 

Na miña clase de Psicoloxía, menos dun cuarto somos mozos. Sen embargo, á hora de intervir na clase, as mozas interveñen moito menos. Nunha materia, na que ademais era o profesor quen facía preguntas, preguntóuselle por que a maioría as facía a homes. A súa resposta: “como hai menos, chaman máis a atención. Ademais é para evitar que se sintan discriminados entre tantas mulleres”.

Alumno home

 

“Tedes que elixir moi ben o macho que proporcione o xenoma dos vosos fillos, que vai protexervos a vós e ás vosas crías”

Profesor de terceiro de Bioloxía

 

Nunha clase de dúas horas da materia “Violencia de carácter sexual” o profesor, que é catedrático de Psicoloxía clínica, dixo entre outras cousas: “os transexuais son, por exemplo, homes que se cren mulleres. A solución que se da hoxe en día é atacar o factor biolóxico e operar cando tal vez habería que explorar o cambio psicolóxico para que estas persoas aprendesen a desfrutar dos seus xenitais sen ter que atravesar operacións”. Despois, falando de persoas con ELA ou parálise cerebral, mentres imitaba con xestos a Stephen Hawkings, dixo “estas persoas tamén teñen desexo sexual e, cando unha fisioterapeuta lles da masaxes tamén poden ter ereccións. A eles gustaríalles que lles axudase niso tamén, pero está o debate de que non é o seu traballo xa que non son prostitutas. Tal vez a seguridade social debería pagar “visitadoras” para esta xente”. En ningún momento falou de paralíticAs nin de fisioterapeutas homes.

Escoitado por unha compañeira, que engade que saíu esnaquizada da clase.

 

Un profesor de Química dicía que intentásemos poñernos en parellas mozo-moza porque “xa sabemos que ós mozos dánselles mellor as cousas manuais”

En clase dunha compañeira.

 

O recoller todas estas experiencias vividas por estudantes, tanto nas súas carnes como nas de compañeiras, queremos deixar ver como o machismo impregna as aulas e ás persoas que se atopan nelas.

Incluso os comentarios máis sutís van cargados dunha ideoloxía que, tristemente, a moitas acabará por custarnos a vida.

Hoxe é un comentario sobre como as mulleres son multitarefa; mañá un home tratarate como escrava mentres mira a televisión no sofá. Hoxe critícase o ataque en defensa propia dunha muller a un home; mañá outra muller será asasinada e criticarase que non se defendera. Hoxe fálase con naturalidade dos celos dos homes; mañá un home asasinará a unha muller porque tiña un sentido da territorialidade moi desenrolado e ela non respectou iso. Hoxe fálase do instinto sexual superdesenrolado dos “machos”; mañá xustificaranse violacións en grupo. Hoxe fálase de como a muller complétase ó ser nai; mañá tacharase de irresponsábel e de falta de seriedade á que non traia fillos e fillas. Hoxe é un comentario chistoso sobre a burundanga; mañá un home drogarate e violarate porque considera provocativa a túa roupa. Hoxe dinche que o teu traballo vale menos que o dos teus compañeiros; mañá cobrarás un 23’5% menos que un home polo mesmo traballo.

Comparte