Sobre as folgas estudantís

Folga: “Interrupción colectiva da actividade laboral por parte dos traballadores co fin de reivindicar certas condicións ou manifestar unha protesta“.

No ámbito estudantil esta definición non se asemella á realidade dos últimos anos, non só porque nelas apenas participen traballadoras, se non porque non perseguen a consecución duns obxectivos reais e alcanzables.

Todas oímos en moitas ocasións ao longo dos últimos cursos a palabra “folga estudantil”, e para moitos o que significou é un día de descanso, no mellor dos casos un día de manifestación contra tal lei ou tal reforma; asumindo, aínda así que esa reforma ou lei ía ser aplicada, porque, á fin e ao cabo as nosas forzas colectivas non daban para tanto.

Pero é posible conseguir cousas? Serven para algo as folgas?.
Desde a FEL entendemos a folga como unha ferramenta de presión que debe servir para conseguir os obxectivos marcados polo movemento. Uns obxectivos de carácter inmediato, pero tamén ligados a demandas de gran calado.

A pregúnta clave é “Que podemos conseguir?”, a seguinte pregunta é “Que debemos facer?”
Non nos gusta o 3+2, tampouco a LOMCE, nin a LOE, pero entendemos que non contamos coa capacidade de parar esas medidas cunha “simple” folga de estudantes. Levamos anos de fracasos loitando contra distintas leis e medidas, baleirando de contido ao concepto de folga, queimando á xente e demostrando unha falsa inutilidade da loita e a mobilización.

Vemos como o Sindicato de Estudantes segue convocando sen xeito nin dereito, e vemos como xorden organizacións que tratan de suplantalo actuando do mesmo xeito: Convocando desde arriba sen ningún tipo de respecto por todas as estudantes organizadas e mobilizadas nas súas asociacións, colectivos ou asembleas. Convocando “folgas” como un mero reclamo publicitario dunhas siglas.

Desde a FEL somos conscientes da conxuntura na que nos atopamos, inestabilidade política, tensións territoriais, unha axenda neoliberal impoñéndose e uns movementos sociais que sufriron fortes baixas pola confianza depositada nas institucións estatais. Toda protesta contra o Réxime contará coas nosas simpatías, pero non podemos aceptar as formas nas que se nos presentan estas protestas estudantís. Cremos nas mobilizacións que xorden das necesidades colectivas do movemento, da organización de base en asembleas e asociacións, nunca xamais de imposicións desde arriba sen ningún tipo de diálogo previo.

Como FEL propoñemos fomentar estas formas organizativas, expor táboas reivindicativas materializables e mediante todo un abanico de accións (folgas, falta de pagamentos, boicot, manifestacións…) loitar por elas de forma colectiva, xunto con toda a comunidade educativa, a fin de acumular forzas e demostrar que a acción e mobilización son útiles. Constituíndo desde as loitas estruturas conscientes que nos permitan avanzar posicións cara as transformacións sociais de calado e facendo destas loitas un asunto de orde pública.

Aínda así, somos coñedoras da existencia de distintas realidades territoriais no conxunto do Estado Español, con territorios como Catalunya onde a folga plantéxase desde perspectivas distintas ás arribistas da convocatoria estatal. Queremos mostrar así o noso apoio e solidariedade á convocatoria alternativa do SEPC e a FEA.

En todo isto traballamos desde a Federación Estudantil Libertaria.
Cara a unha educación gratuíta e universal baixo control comunitario.
Arriba as que loitan!

Comparte