Selectividade? Abonda de circo. Acceso gratuito á universidade

Case catro anos pasaron xa da aprobación da LOMCE e aínda ninguén na comunidade educativa ten claro que vai pasar. O que en principio ía ser unha reválida obrigatoria para tódalas alumnas de 4º da ESO agora non é máis que unha proba que non todas farán e que, ademais, non terá valor algún máis alá do informativo. Máis complicado é o caso da PAU, eliminada definitivamente se unha alternativa claramente definida. Esta confusión fixo que non se soubera a materia que entraría na proba que substituirá á PAU, a EBAU, ata pasada a metade do curso. Esta confusión engádese a todas as “inconveniencias” que tiña a proba anterior, como o feito de que fora un exame que só permitía o acceso á universidade en función da nota.

Se de por si as distintas reformas educativas seméllannos perniciosas, o feito de que xeren un clima de incerteza onde nin profesoras nin alumnas saben moi ben a que tipo de probas de avaliación e para que vanse enfrontar a elas, non é máis que unha mostra máis do pouco respecto que teñen os nosos gobernantes pola educación.

Estas reformas teñen lugar nun momento onde a educación leva tempo sufrindo uns recortes que a deixaron nun estado penoso: unha enorme ratio de alumnas sen profesora, infraestruturas en mal estado, escaseza de materiais de estudo, menor número de becas, etc. Isto non é máis ca consecuencia lóxica dunha educación que non ten por obxectivo máis que introducir ás alumnas no sistema económico actual e poñelas a producir. Unha educación que nos obriga a competir, que nos divide entre “malas” e “boas” alumnas dependendo das cualificacións. Unha educación na que aquela persoa que non encaixa é unha lacazana ou simplemente non se lle considera capaz de “aprender”, que se converte nun eufemismo de memorizar. Unha educación que nos impón o horario dunha xornada laboral para irnos introducindo ós poucos no mercado.

Ademais, a subida xeneralizada durante estes últimos anos das taxas de acceso á universidade xeraron unha exclusión maior, facendo que gran parte da mocidade se vexa incapaz de acceder á universidade por motivos económicos. E sen axudas ó estudo, estase obrigando a traballar en traballos precarios, mal pagados e que dificultan a compatibilidade cos estudos.

Fronte a este panorama de pouco serven as formas de protesta esporádicas. Precisamos estar organizadas como comunidade educativa e fomentar a insubmisión e o boicot ás imposicións da LOMCE. Urxe erguer un proxecto de nova educación no que esta quede baixo control da propia comunidade educativa e ó servizo dos intereses das clases populares, deixando de ser esta educación allea a todas nós. Unha educación á que todas poidamos acceder sen distincións económicas, sen exames de acceso, sen probas que decidan quen está “capacitada” e quen non.

Polo boicot e a insubmisión á LOMCE e as súas reválidas.
Pola abolición da selectividade.
Defendemos o público. Construímos o común.

Comparte

1 Trackback / Pingback

  1. ¿Selectividad? Basta de circo: Acceso gratuito a la universidad | Federación Estudiantil Libertaria

Comentarios cerrados.