Toda a comunidade educativa está chamada á folga xeral o día 9 de marzo. Dende a Federación Estudantil Libertaria chamamos a secundar as mobilizacións e a organizar dende xa todas as asembleas, protestas e accións previas que sirvan para xerar un clima de loita antes da folga, porque non entendemos as folgas como unha loita ocasional reivindicativa, senón coma unha oportunidade para ampliala, xerar movemento e acadar obxectivos.
A educación pública segue avanzando no seu proceso de desvalorización, mercantilización e elitización. As taxas non se reducen tanto como subiron, as universidades recorren máis á financiación privada, existe unha gran incerteza á volta da aplicación da LOMCE, a cuestión da selectividade ou as reválidas. Cremos que a única forma de decantar toda esta incerteza é a organización e loita cotiá nas distintas frontes abertas.
Debemos aproveitar as ocasións de folga para reivindicar con maior forza os conflitos locais de cada centro educativo que van máis aló das grandes reformas coma o 3+2 ou a LOMCE. Salas de estudo, traballos remunerados, infraestruturas que non caian a cachos, liberdade de expresión e organización nos centros… Cuestións que mediante a organización e a acción colectiva somos capaces de cambiar e así mellorar as nosas condicións inmediatas de estudo e traballo.
Esta multiplicidade de loitas tanxibles, próximas e que nos afectan a todas deben servirnos para facer da loita algo estendido no tempo, non algo esporádico. Só a loita trae cambios e melloras, pero tamén sabemos os límites estruturais da actual educación pública en mans do Estado e o gran Capital. Por iso nos apostamos por unha superación do actual modelo educativo, económico e político mediante a xeración de contrapoderes que devolverán á comunidade a capacidade de gobernarse a si mesma, usurpando ás elites o seu poder. Algo que só poderemos construír dende a defensa inmediata da educación pública fronte á apisoadora mercantilizadora.
Por todo iso dende a FEL apostamos por:
- Derrogación das leis mercantilizadoras (3+2, LOMCE, Reválidas…)
- Desobediencia e insubmisión no caso de aplicárense
- Dereito á folga estudantil en todos os niveis
- Dereito a decidir a educación que queremos: non deixar a educación en mans de políticos e empresarios
- Supresión dos concertos educativos
- Formar asembleas e comités de folga en cada centro de estudos que dinamicen a folga e saquen as súas propias reivindicacións locais
- Dar continuidade á folga xa sexa en forma de mobilizacións periódicas ou con espazos de encontro que permitan facer un seguimento das demandas.
- Unha educación xestionada pola comunidade educativa. De carácter inclusivo, feminista, laico, gratuíto e universal.